Novas

TI TES A CHAVE
O VAL estivo no Congreso Galego de Voluntariado

A pasada quinta feira, 23 de abril, o Voluntariado de Activación Lingüística asistiu ao encontro anual de voluntariado galego, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, organismo promotor, hai preto de tres anos, da creación deste programa pioneiro en Galiza de voluntariado lingüístico.

O VAL tivo o seu posto entre as arredor de sesenta asociacións de acción voluntaria do país que concorreron á cita, ofrecendo información e estabelecendo comunicación con outras entidades interesadas en crear sinerxías para a captación de activos.


Xornada de convivencia pola Terra de Soneira e Bergantiños
As e os participantes do VAL da Coruña pasaron un día coñecendo e compartindo o patrimonio paisaxístico e cultural

O Voluntariado de Activación Lingüística da Coruña fixou un encontro o pasado sábado 18 de abril para as súas participantes coñecérense e interactuaren, nunha xornada na que puideron descubrir e compartir distintos enclaves da xeografía da Costa da Morte.

Foron un total de 18 persoas as que concorreron a esta cita, na que o itinerario marcado foi completo: a vila de Ponteceso, o Monte Branco, o dolme de Dombate, cabo Vilán, a vila de Camariñas e o castelo medieval de Vimianzo. As visitas estiveron guiadas por expertos coñecedores e coñecedoras do noso patrimonio, así como a viaxe amenizada en todo momento por Óscar e Pedro, dinamizadores culturais.

A experiencia, segundo as propias participantes, foi amena, divertida e reveladora en moitos sentidos. 'Hai que repetir', testemuño de moitas, iso si, sería perfecto se na próxima ocasión o tempo acompaña.

Pódense ver na sección Galería deste sitio algunhas das fotografías que se tiraron e que ilustran canto se dixo enriba.

O VAL agradece a colaboración da Concellaría de Mocidade do Concello da Coruña, que puxo moitos medios para facer posíbel esta actividade; mais sobre todo a Rocío, Isabel, Alba, Aline, Eva, Gema, Verónica, Nélida, Xema, Paulo, Lucía, Miguel, Pedro, Dolores, Ana Luiza, Sergio, Hugo e María Alejandra por estaren ese día e pasalo ben.


Novo Punto de Activación Lingüística
Súmase ao VAL a Asociación Estudantil Colexio Maior San Clemente do campus compostelán

A asociación estudantil Colexio Maior San Clemente de Santiago de Compostela acaba de se adherir ao Voluntariado de Activación Lingüística para divulgar o programa e ser punto de activación para aquelas e aqueles dos seus membros ou achegados que desexen participar como voluntarios ou activos.

No marco dun ciclo de charlas que organiza a dita asociación de interese entre a comunidade universitaria, a entidade convidou o pasado mes de febreiro o VAL para falar da súa actividade na USC e da necesidade e deber de incidir o seu alumnado nas dinámicas sociais da contorna. A este acto tamén se convidou a Beatriz Vilaverde, responsábel da Liña do Galego, que veu contextualizar a utilidade dun programa deseñado para activar a acción cidadá en prol do uso da nosa lingua, como o é o VAL, no seo dunha sociedade cada vez máis desgaleguizada e hetereroxénea, ao estarmos a recibir un fluxo constante de novos e novas galegas.

Desde a organización, querémoslle dar os parabéns pola iniciativa á A.E. C.M. San Clemente e a benvinda á rede de puntos de activación do Voluntariado de Activación Lingüística.


Saber é querer. Subimos ao Barco da solidariedade
As primeiras parellas lingüísticas do Barco de Valdeorras animan a veciñanza a activarse no galego

voluntariadoAs fotografías que aquí e mais na galería de imaxes deste web podemos ver achégannolas algunhas das participantes no VAL do Concello do Barco, onde o programa botou a andar hai tan só un par de meses.

As persoas encargadas de coordinar e facerlles seguimento ás novas parellas lingüísticas, labor que realizan en conxunto coa organización do VAL, son o técnico de Normalización Lingüística do concello, Xabier Roo, e mais a responsábel da Mesa da zona, Susana Méndez.

O Barco é hoxe unha localidade de acollida de numerosas persoas doutras nacionalidades, que veñen á vila valdeorresa traballar e vivir ao abeiro da explotación de louseiras ou do mercado do viño, principalmente.

Tanto Xabier como Susana decidiron pular polo desenvolvemento desta inciativa ao entenderen que o programa de voluntariado lingüístico era unha ferramenta atractiva e eficaz para a integración destas persoas; atractiva polo seu carácter lúdico e aberto, eficaz porque pon á disposición da poboación inmigrante a información cultural e lingüística da man dos seus principais activos. Á súa vez, este é un programa que estabelece pontes entre as culturas e axuda ao diálogo entre elas, por tanto, tamén contribúe para o fortalecemento da convivencia e dos lazos afectivos coa cultura de acollida, a galega. Despois de todo, saber é querer.

Agardamos que pronto nos poidan contar máis sobre esta experiencia.

Unha aperta desde Compostela.


O Voluntariado de Activación Lingüística impulsado pola Mesa recibe unha axuda de 400.000 euros da Unión Europea
O voluntariado para a aprendizaxe do galego é a actividade central dun proxecto entre Galiza, Frisia, Francia e Grecia

Mesa de traballo das entidades parceiras do VolangteersO programa de Voluntariado de Activación Lingüística (VAL), impulsado pola Mesa pola Normalización Lingüística e que desde o comezo contou coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, acaba de recibir un forte impulso por parte da Unión Europea. Recoñecido agora como un referente a nivel continental, o voluntariado da lingua galega é a actividade central do proxecto denominado Volangteer-Learning Regional Lenguages through Volunteers, que se desenvolverá até 2010, no cal colaboran tamén representantes de Frisia, Francia e Grecia e que conta cunha axuda de 400.000 euros por parte da Unión Europea. Tanto desde a Vicepresidencia da Xunta como desde A Mesa se valorou con satisfacción este importante recoñecemento.

Esta mañá produciuse en Santiago un encontro de traballo entre todos os socios europeos que desenvolverán conxuntamente esta iniciativa, que nesta colaboración entre diferentes países de Europa, como Galiza e Frisia, está considerada como un proxecto inicial que posteriormente se estendá a outras linguas.

Segundo explicou o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, este proxecto pretende promover a aprendizaxe e o uso das linguas minorizadas dos distintos estados da Unión Europea, co obxectivo de que aquelas persoas que proveñan doutros países poidan coñecela e empregala con normalidade na súa vida diaria. Tal e como salientou, con esta iniciativa supérase a clásica visión asistencialista do voluntariado e amósase o compromiso dos galegos e das galegas coa lingua, que funciona así como elemento de integración e unión entre persoas.

Pola súa banda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, valorou a importancia da colaboración entre “o movemento social en defensa do galego e os poderes públicos para conseguirmos adiantos no proceso de revitalización e extensión social do idioma propio de Galiza”. “O galego é un tesouro para compartirmos e un dereito, tamén un dereito de integración”, afirmou. Salientou ademais que desde que se puxo en andamento o VAL xa superaron con creces os 1.000 participantes.

Tamén estivo na xornada desta mañá o vice reitor da USC, Lourenzo Fernández Prieto, quen afirmou que este proxecto suporá para a USC a consolidación do programa de acompañamento lingüístico de estudantes xurdido do VAL, converténdose así nun referente en Europa. Neste punto, salientou o éxito do programa de voluntariado no marco da universidade, que neste segundo ano de funcionamento duplicou xa o número de estudantes participantes, pasando de 300 no curso 2007-2008 a 600 no presente curso académico, a metade do total de estudantes de intercambio rexistrados.

Voluntariado da lingua

Poderán acollerse ás vantaxes deste programa tanto os estudantes de intercambio como os novos galegos e as novas galegas (inmigrantes ou emigrantes retornados) ou aquelas persoas provenientes de fóra de Galiza mais que desexen pasar un tempo no noso país e coñecer a súa lingua e cultura.

Así, ao longo de 10 meses entre os anos 2009 e 2010, emparellaranse as persoas destinatarias do proxecto con outras tantas persoas maiores de 18 anos, que saiban falar en galego e que voluntariamente, durante os ditos meses, manteñan un encontro semanal, no seu tempo de lecer, para colaborar co proxecto.

Nas sucesivas sesións, as parellas reuniranse para charlar de diversos temas, segundo os seus intereses (cultura, deporte, gastronomía...), así como tomar parte de distintas actividades tales como ir ao teatro, a un evento deportivo, unha feira gastronómica. Tratarase, en definitiva, de empregar unha aprendizaxe non formal que fomente o interese pola lingua e a súa aprendizaxe, facilitando deste xeito a integración e o intercambio de experiencias, coñecementos e valores.



Ligazóns recomendadas
Hemeroteca: 2006 · 2007 · 2008 · 2009 · 2010