Novas

Concurso Valingua. Encontros divertidos
O VAL premia as parellas lingüísticas máis ocorrentes

Queredes gañar camisolas, libros ou CDs de actualidade? O programa de voluntariado lingüístico agasalla os seus participantes máis orixinais por enviárennos mostras dos seus encontros.

Para participardes no concurso tendes só que enviar as vosas fotos ao apartado multimedia@valingua.org até o 30 de xuño, data na que se escollerá e publicará a mostra gañadora neste mesmo espazo.

Podedes xuntar para o valingua.org tantas fotos como desexedes, sempre coa condición de intervir as dúas partes.

Os arquivos remitiranse en formato jpg ou gif , pregamos que sexades comedidas/os co tamaño.
Todas as vosas aportacións serán expostas nesta páxina e tamén publicadas na revista Longa Lingua.

Para calquera outra cuestión en info@valingua.org, voluntariado@amesanl.org ou no teléfono 680 479 088.

Agardamos polas vosas colaboracións.

Animádevos a participar!

Podes ver as fotos na sección Imaxes.


Encontros amistosos para festexar e aprender da diversidade
Máis de 60 estudantes participaron no PAE, programa de acompañamento lingüístico na USC

O estudantado galego volveu acompañar os e as estudantes de intercambio na súa chegada a Compostela. Arredor de sesenta persoas compartiron o seu tempo de lecer visitando diversos lugares de ocio e cultura composteláns, aproveitando estas horas para coñecérense e gozar da oferta lúdica que a cidade ofrece.

Este programa, desenvolvido pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, púxose en andamento por vez primeira a comezos do curso académico de 2007-2008, no mes de setembro, como fase experimental dun proxecto que consistía en activar a solidariedade e o intercambio cultural entre o estudantado galego e o estranxeiro na Galiza. Visto o éxito e a elevada participación deste primeiro certame do PAE (Programa de Acompañamento de Estudantes), repetiuse a experiencia durante o pasado abril.
A iniciativa propón fornecer de ferramentas e espazos de interactuación ás persoas interesadas en xogar un papel activo na tecedura dunha sociedade intercultural, baseada no coñecemento e o respecto pola diversidade.
Así, os e as participantes galegas agasallarán co que nós é propio e nos xungue, co noso patrimonio cultural e co vehículo que o porta: o galego.

As xornadas duran un total de 10 horas, durante as que, por parellas e en grupo, se asistirá a unha serie de actividades programadas. Ao remate, as persoas que tomaran parte, poderán validar estas horas por un crédito de libre elección.

Se desexades participar, podedes anotarvos nesta páxina web (especificando PAE no apartado de observacións); tende en conta que as próximas se celebrarán a comezos do vindeiro curso.

Espalla a túa lingua!
Válete do galego!


O Voluntariado de Activación Lingüística comeza a funcionar na cidade de Lugo para axudar aquelas persoas que queiran botar a falar galego
Agasallar coa nosa lingua e tecer a interculturalidade

Fran Rei e Fernán X. Mourenza amosando un cartaz do VALFernán Xosé Mourenza, responsábel da Mesa na zona de Lugo, e Francisco Xosé Rei, coordenador de zonas da Mesa e membro da directiva da asociación, presentaron esta mañá na cidade dous novos proxectos desenvolvidos pola Mesa, que xa están funcionando con éxito noutras cidades e vilas galegas: a Liña do Galego e o Voluntariado de Activación Lingüística (VAL). Así mesmo, animaron a cidadanía a participar na manifestación nacional que, baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”, se vai celebrar en Santiago de Compostela o vindeiro 18 de maio.

A asociación vai dar a coñecer tanto a Liña do Galego como o VAL en distintos ámbitos, distribuíndo materiais informativos e contactando con asociacións e outros colectivos.

No caso do Voluntariado, vaise facer un especial fincapé no campus universitario e máis no ámbito da mocidade. Na comarca de Sarria xa botou a andar, grazas á colaboración con Aicos (Asociación de Inmigrantes da Comarca de Sarria) e co Concello.

O programa consiste en promover a formación de parellas de voluntarias e persoas activas que queiran aprender máis sobre a lingua e a cultura galegas. A cada voluntaria asignáselle unha activa e ambas as dúas comprométense a relacionarse un mínimo de 10 sesións dunha hora, coa premisa de falar galego ou de tentar falalo o máximo posíbel.


VOLUNTARIADO.- O Voluntariado de Activación Lingüística axudará na Coruña a reactivar o uso do galego
A súa posta en marcha na Universidade permitirá a acollida dos alumnos estranxeiros na nosa lingua e cultura

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística e a UDC colaborarán coa Mesa pola Normalización Lingüística e coa Vicepresidencia da Xunta -a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade- para poñer en marcha na Coruña o programa de voluntariado lingüístico, unha iniciativa deseñada para promover a cultura e a lingua galega e para activar a solidariedade e o intercambio cultural que xa está funcionando con éxito noutros concellos do país.

A concelleira de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística, a nacionalista Ermitas Valencia, acompañada polo director do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Xosé Ramón Freixeiro Mato; o director xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia Rubén Cela; e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, presentaron esta mañá en conferencia de imprensa esta iniciativa.

Segundo explicou Ermitas Valencia, o voluntariado enmárcase na Coruña dentro do plano de reactivación do galego na cidade e os seus obxectivos son “conseguir facer novas e novos galegofalantes, promover a estima pola nosa lingua e o seu uso cotián”. Neste sentido, o Concello da Coruña colabora na iniciativa coa posta en marcha inmediata de doce puntos de activación lingüística, onde os interesados poderán informarse e inscribirse no voluntariado. Estes puntos son as seis bibliotecas municipais, as asociacións de veciños de Monte Alto, Agra do Orzán e Os Castros, a Asociación Xuvenil Xacarandaina, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o CMIX.

Pola súa banda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, explicou polo miúdo o funcionamento do programa. As persoas interesadas en participar só teñen que cumprir un requisito: ser maiores de idade. A partir de aí, poden anotarse nunha das dúas categorías que estabelece o programa: ou voluntarios ou activos.

As persoas voluntarias deben ter un bo nivel de galego e, a través deste programa, compartirán os seus coñecementos da lingua e da cultura galega con outras persoas que o precisan (as activas). As activas son aquelas persoas que desexan coñecer máis sobre Galiza e sobre a súa lingua e cultura. En moitos casos, as activas poden ser persoas que veñen de fóra para instalarse temporal ou permanentemente no noso país (estudantes, traballadores, etc), pero tamén pode ser calquera galego ou galega que queira afondar no coñecemento da nosa lingua.

Desenvolvemento
Tal e como indicou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, “o programa consiste en promover a formación de parellas de voluntarios e persoas (activas) que queiran aprender máis sobre a lingua e a cultura galegas. A cada voluntario asignáselle un activo e ambos comprométense a relacionarse un mínimo de 10 sesións dunha hora, coa premisa de falar galego ou de tentar falalo o máximo posíbel”.

A persoa voluntaria encárgase de guiar a persoa activa no maior coñecemento da cultura e da lingua galega. Trátase de superar as dificultades de falar en galego e poder aplicalo á vida cotiá, ademais de promover en moitos casos a relación de persoas de distintas culturas. As parellas que se conformen poderán facer o que sexa do seu interese, desde falar e xantar até ir ver unha exposición ou facer trámites administrativos. O programa propiciará ademais actividades de lecer e de intercambio. Carlos Callón asegurou tamén que noutras cidades de Galiza xa participaron no programa persoas procedentes de León, Xapón ou Cuba, entre outros.

Tamén o director do Servizo de Normalización Lingüística na Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro Mato, asegurou que a UDC ten intención de facilitar este tipo de encontros e intercambios, dado que cada vez hai máis alumnos de programas Séneca e Erasmus. “A chegada de estudantado de intercambio non pode ser utilizada como un argumento para non empregar o galego nas aulas, todo o contrario, ten que ser un aliciente, máis aínda tendo en conta que a maioría dos que chegan falan linguas romances”, sinalou.

Xa por último, o director xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galiza, Rubén Cela, salientou que “esta iniciativa é moi positiva de cara a contribuír a mellorar a situación da nosa lingua”. Ademais, indicou que este programa “achega dúas novidades, tanto no uso do voluntariado como na revolución que supón no marco pedagóxico do ensino do idioma”.

Todas as persoas e asociacións interesadas nesta iniciativa poden obter información sobre a mesma na páxina web www.valingua.org (onde mesmo xa se poden inscribir), no teléfono 902 106 474, no correo electrónico voluntariado@amesanl.org ou nos puntos de activación lingüística de cada Concello.



Ligazóns recomendadas
VOLUNTARIADO.- O Voluntariado Lingüístico, unha ferramenta para a integración desde a diversidade
Galegos, cataláns, vascos e valencianos compartiron as súas experiencias a prol dun maior uso social para as linguas

A aplicación do voluntariado ao eido da normalización lingüística e da cultura centrou a mesa redonda coa que hoxe deu comezo na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela a segunda edición do ciclo conversascon:, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Os coordinadores dos voluntariados lingüísticos que están a funcionar nestes momentos no Estado (en Catalunya, Euskadi, País Valencià e Galiza) explicaron o funcionamento dos diferentes programas, que teñen un obxectivo común: crear novos espazos para a lingua e facilitar a integración na cultura propia aos que acaban de chegar.

O funcionamento nos catro casos é moi semellante, salvo pequenas diferenzas derivadas das características propias de cada comunidade lingüística: fórmanse parellas ou grupos, nos que a persoa voluntaria sabe falar na lingua do país e úsaa habitualmente e axuda a outra ou outras que queren aprender a falala ou coller soltura no seu uso espontáneo. O campo de intercambio lingüístico e cultural é a vida cotiá ou as actividades de ocio.

Vicent Moreno, de Escola Valenciana (País Valencià), Iker Martínez, de Topagunea (Euskadi), Teresa Casals, da Plataforma per la Llengua (Catalunya) e Raquel González, da Mesa pola Normalización Lingüística, foron os encargados de analizar os diferentes retos aos que se enfrontan nestes intres as linguas cooficiais no Estado español e as achegas que se están a realizar desde os programas postos en marcha polas asociacións.

Os encargados de presentar o acto foron o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, responsábeis das dúas entidades que colaboraron para a posta en funcionamento do Voluntariado de Activación Lingüística en Galiza (VAL), que deu os seus primeiros pasos a finais do 2006.

Carlos Callón recordou a Castelao, de quen hoxe se celebra o aniversario do seu nacemento, para salientar a importancia de incorporar novos falantes á lingua. “Castelao é unha figura fundamental na historia de Galiza pero ademais un neofalante. Cómpre recordar que Castelao, cando chega a Galiza despois de pasar a súa infancia na Arxentina falaba en castelán, e só foi aos 17 anos, cando tomou consciencia da situación da lingua, cando decide ser falante de galego, e que falante de galego”. Para Callón, “Castelao é un bo exemplo de como a lingua galega é un elemento de unión aberto ás persoas que chegan á Galiza, sexan estudantes de intercambio ou novos galegos e galegas”.

Despois duns meses nos que o programa se desenvolveu de xeito experimental no Concello de Santiago de Compostela, o Voluntariado de Activación Lingüística ampliouse ao veciño Concello de Ames, un municipio no que residen un importante número de persoas procedentes de fóra de Galiza e no que, desde hai dous anos, se están a realizar cursos de galego para inmigrantes cunha alta demanda. Nas vindeiras semanas, ampliarase a máis concellos.

Ademais de para a sociedade en xeral, o VAL está a realizar campañas específicas para estudantes universitarios. Durante o presente curso académico púxose en marcha na Universidade de Santiago de Compostela: os alumnos de programas de intercambio da USC coñeceron a lingua e a cultura do país grazas a estudantes galegos, que tamén lles serviron de guía na súa chegada aos campus de Santiago e Lugo. Nos vindeiros meses, vaise estender a todas as universidades galegas.

Precisamente a chegada de estudantes estranxeiros é un dos retos sinalados por Teresa Casals, responsábel do voluntariado catalán, quen indicou que a Catalunya, onde o catalán ten unha presenza nas aulas dun 60 por cento, chegan arredor de dez mil alumnos de fóra cada curso. “Se ao incorporarse piden as clases en castelán, a lingua morre, e isto está xerando discordia nas propias universidades, pero un falante dunha lingua romance pode entender un discurso universitario con tan só vinte horas de aprendizaxe”. Para iso, as universidades catalás están pondo múltiplas ferramentas á disposición destes alumnos, desde páxinas web, guías e o propio voluntariado.

Pola súa banda, o representante valenciano, Vincent Moreno, sinalou que un dos obxectivos do voluntariado é “dar unha visión positiva da lingua, xa que moitas das persoas que se achegan ao valenciano por primeira vez fano por obriga, e aquí o que queremos é que lle collan afecto e máis aumentar o seu uso social”. “Nós o que queremos é que vexan o valenciano como un agasallo, como unha lingua de acollida, xa que o uso social é o que fai que unha lingua estea viva”.

Iker Martínez, de Topagunea, sinalou que Mintzapraktika, o programa vasco, tenta principalmente crear redes de uso do éuscaro, xa que moitas veces aquelas persoas que coñecen esta lingua non a poñen en práctica porque non contan no seu círculo social con outras persoas que a falen.

Esta mesma mesa redonda repetirase mañá na Coruña, na facultade de Filoloxía, a partir das doce e media da mañá.



Ligazóns recomendadas
'Conversas con': voluntariado lingüístico
Coordinadores e coordinadoras dos voluntariados catalán, vasco, valenciano e galego comparten as súas experiencias

Os días 30 e 31 de xaneiro, en Santiago e na Coruña, poderemos asistir a un novo encontro arredor da lingua. Desta volta, abordarase o tema do *voluntariado lingüístico* para a análise da súa aplicación no eido da normalización da lingua e da cultura, desde as distintas perspectivas que nos ofrecen as experiencias catalá, valenciana, vasca e galega. Con ese fin, intervirán coordenadores/as dos voluntariados lingüísticos existentes no Estado español: Vicent Moreno, de Escola Valenciana; Iker Martínez, de Topagunea; Teresa Casals, da Plataforma per la Llengua; e Raquel González, da Mesa pola Normalización Lingüística.

Estas mesas redondas insírense no marco do ciclo de conferencias Conversas con, organizadas pola Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia do Goberno galego.

Conversa:/Experiencias do voluntariado galego, catalán, vasco e valenciano/. Data, hora e lugar: 30 de xaneiro (cuarta feira, mércores), en Santiago, na Facultade de Filoloxía, ás 12 h.
31 de xaneiro (quinta feira, xoves), na Coruña, na Facultade de Filoloxía, campus da Zapateira, ás 12 h.



Descargas asociadas
Ligazóns recomendadas
Hemeroteca: 2006 · 2007 · 2008